Sunday 05 de May de 2024

Juan Fernández-Armesto, convidado especial da VIII Comida Baile Solidaria da AECC Ordes


 

O propietario de Casa Grande de Xanceda e ex-presidente da CNMV ten confirmada a súa asistencia para o domingo 14 de outubro. Entre outros agasallos sortearanse estancias en balnearios

Juan Fernández-Armesto, propietario de Casa Grande de Xanceda e ex-presidente da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), será o convidado especial na VIII Comida Baile Solidaria que cada ano organiza a AECC Ordes. Concretamente terá lugar o domingo 14 de outubro ás 14.30 horas no restaurante Barreiro. As entradas pódense mercar xa no mesmo restaurante así como no bar Salón (Ordes) por un importe de 30 €. Para desprazarse ata o restaurante situado na parroquia de Leira, e grazas á colaboración de Autos Rogelio, porase un servizo gratuíto de autobuses que partirá da Alameda de Ordes ás 14 horas.

Un ano máis o sector comercial de Ordes colabora con esta cita, unha das máis relevantes do panorama social local, cedendo agasallos e produtos para ser sorteados entre as persoas asistentes. Entre outros presentes sortearanse estancias de fin de semana en balnearios. A nota musical virá da man do artista Carlos Manteiga.

Por outra banda, e tamén organizada pola xunta local ordense da AECC, este próximo luns, 8 de outubro, terá lugar a charla ‘Coñecendo o cancro, que debemos saber’. A cita será en Frades, no edificio multiúsos ás 17 horas. A asistencia será de balde para calquera persoa interesada.

Como relator estará o psicólogo da AECC Marcos Calvo. Para máis información pódese chamar ao 981142740 ou enviar un correo electrónico a acoruna@aecc.es